18 July 2008

Me encanta, me encanta, me encanta...


08 July 2008

Santiago(é)tapas (IV)

Hotel Gastronómico Tránsito dos Gramáticos (Tránsito dos Gramáticos, 1)

Un dos primeiros puntos positivos deste local é que che avisan dos prezos antes de servir, boa idea porque custan 3€. Aínda así, hai que dicir que (casi) valen ese precio, porque son pratos contundentes.

-Bacallao en farangullas con pisto e alioli gratinado

Foi unha tapa moi rica, contundente e quentiña, cunhas migas moi saborosas e un pisto moi xeitoso. Pouco máis teño que dicir, só que tardaron un pouquechiño en servirnos pero valeu a pena. Levou un 3.

-Milfollas de cabaciña con crema de cabrales

Tan boa ou incluso mellor que a anterior, e iso que a min non me gusta a cabaciña e cousas similares, pero este queixo encántame! Ademais, tiña unhs cachiños de tomate cunha salsiña que lle daba o toque perfecto. Para min é unha tapiña fría ideal para esta época estival e por iso creo que merece un 4!

07 July 2008

Santiago(é)tapas (III)

Despois dunha inesperada presencia mediática, aquí chega a terceira entrega do roteiro gastronómico.

Lizarrán (Rúa das Orfas, 25)

Até agora falei de dous locais da Ruta Praza Roxa, pero hoxe fálovos dun da Ruta Cervantes, o outro roteiro que escollimos realizar por que son só 7 locais e nos parecía a máis fácil de abarcar. Para empezar hai que dicir que Lizarrán é unha coñecida franquicia que ofrece 'pintxos vascos' á que nunca fun porque me dixeran que era moi cara, algo que tralo meu paso por alí non comparto porque os pintxos custan a 1.1€ ou 1.35€ e con tres ou catro xa ceas. O problema é se eres comedorciño ou ese día vas con fame...

Pois alá imos co análise das tres tapas que ofrecen, todas elas a 1.35€

-Máscara de Santiago

Dende o meu punto de vista, trátase dunha tapa sinxela e pouco arriscada. Como local especializado nos pintxos, pensei que ían ofrecernos petiscos máis elaborados e chamativos, pero neste caso trátase só dun trozo de pan cunha loncha de salmón e un pouco de queixo. A nota divertida póñena cunha cariña :) que debuxan enriba do salmón cuns cachiños pequenos de aceituna ou algo así. Nestes intres non me lembro ben da nota que lle puxemos pero creo que foi un 2.

-Marmelo con flor de queixo de San Simón, tella de queixo Palo Santo e culís de amorodo

Fer ten a teoría de que esta tapa esta creada para optar ao Premio do Xurado 'Tapa Tradicional' xa que nela se aposta por produtos galegos como os queixos. Dende o meu punto de vista é unha tapa que non está mal, pero como xa dixen, falta orixinalidade. Ademais, paréceme que leva demasiado marmelo, aínda que iso é cuestión de gustos. Creo que levou un 2 ou 3 (quizais un 3 por presións de Fer, porque para min era un 2).

-Músico

Esta última tapa sorprendeunos de xeito inesperado. Cando a vimos, pensamos que era un trozo de pan con nata montada con trociños de avelá, améndoa e chocolatiño liquido. Pero, cando a probamos resultou ser queixo en vez de nata. A idea é orixinal, o que pasa é que levaba moita cantidade de queixo, o que ocultou o sabor da avelá e a améndoa.

06 July 2008

Santiago(é)tapas (II)

Aquí está a segunda entrega do percorrido gastronómico.

Barrigola (Avenida de Ferrol, 54)

Para empezar, hai que dicir que queda un pouco a desmán, agás para os que vivan por esa zona. Para o resto, non é habitual ir até esta zona onde só hai edificios de vivendas e escasos comercios. Ademais, unha vez dentro tamén empezou negativamente a nosa estancia no local, xa que os camareiros fixeron algo que eu odio: como filla de taberneiros, sempre me ensinaron que cando entren clientes no bar, hai que deixar de facer esas cousas que se fan nos momentos libres (como colocar mercancía ou louza, encher as neveiras ou poñer unha lavada do lavavasos) e atender o cliente. E estes camareiros, tardaron un rato en servir. Con todo, esta parte negativa compensouse despois, xa que, para empezar, mentres esperabamos polas tapas do concurso, servíronnos unha para ir facendo tempo. Estivo ben, porque era un bo puñado de patacas fritidas con cadanseu cachiño de polo. E despois, viñeron as tapas...

-Migas do moreniño

Tanto esta como a seguinte tapa son moi abundantes e incluso unha soa persoa pode cear só con iso. O erro desta tapa é que as migas se facían moi aceitosas e ademais viñan acompañadas cuns cachelos que non pegaban moitos, xa que son moitos hidratos de carbono xuntos. Orixinal o feito de que as migas fosen de pan de millo e tivesen un pouco de queixo por riba pero, como xa dixen, facíanse cansinas. E levou un 2.

-Manuela e a súa cea

Para empezar, o seu nome xa é orixinal. É un prato, como xa dixen, moi abundante composto por unhas patacas moi ricas e un ovo frito no seu punto. E viña con pan para mollar! Non me lembro moi ben, pero creo que lle puxen un 3.

05 July 2008

Santiago(é)tapas

Como xa avanzou Fer no seu blog, tamén me vou encargar de amosar aquí as miñas opinións sobre os petiscos que estamos a probar estos días grazas ao concuso Santiago(é)tapas. Se Fer empezou cun local que nos gustou moito, eu empezo por un que nos decepcionou un pouco.

Central Perk (Rúa Nova de Abaixo, 9)

-Esencia de pementos de Padrón

Pareceunos escasa, porque simplemente é un chupito con escuma. Ademais, o sabor do pemento de Padrón non é moi entusiasmante en este formato. Puxémoslle un 2. Igual merecería un 1, pero era o primeiro que puntuamos. Custa 1€.

-2015 Cocido galego

Esta estivo un pouco mellor, polo que lle puxemos un 3. Ten os ingredentes básicos do cocido (orella, pataca, carne...) pero servido un pouco frío, aínda que o compensou por ser unha tapa abundante. Custa 1'5€.

03 July 2008

Dende o último post, vacineime de febre amarela e hepatite, collín 5 avións enlazando Santiago-Madrid-Río de Janeiro-Salvador de Bahía-Madrid-Santiago, cagueime en Varig, Air Europa e Iberia (e o overbooking), comín comida xaponesa e frapuccinos (coa variante brasileira de 'Capuccino Shake') ata reventar, collín un pouco de cor nas praias de Ipanema e Copacabana, teoricei sobre a posibilidade de poñer o Corcobado no Pao de Açucar, coñecín ao californiano máis guapo e máis falangueiro do mundo... E a volta aínda me deu tempo a ver (por fin) 'Sexo en NY' e a cumprir (hai dous días) os 23. Agora estou co reto de completar unha das rutas to Santiago (é) tapas. A ver se en breves fago un post para comentar os petiscos (por agora gaña Tapería Castelao…) e outro para desenvolver unha teoría que falei con Fer…