06 July 2008

Santiago(é)tapas (II)

Aquí está a segunda entrega do percorrido gastronómico.

Barrigola (Avenida de Ferrol, 54)

Para empezar, hai que dicir que queda un pouco a desmán, agás para os que vivan por esa zona. Para o resto, non é habitual ir até esta zona onde só hai edificios de vivendas e escasos comercios. Ademais, unha vez dentro tamén empezou negativamente a nosa estancia no local, xa que os camareiros fixeron algo que eu odio: como filla de taberneiros, sempre me ensinaron que cando entren clientes no bar, hai que deixar de facer esas cousas que se fan nos momentos libres (como colocar mercancía ou louza, encher as neveiras ou poñer unha lavada do lavavasos) e atender o cliente. E estes camareiros, tardaron un rato en servir. Con todo, esta parte negativa compensouse despois, xa que, para empezar, mentres esperabamos polas tapas do concurso, servíronnos unha para ir facendo tempo. Estivo ben, porque era un bo puñado de patacas fritidas con cadanseu cachiño de polo. E despois, viñeron as tapas...

-Migas do moreniño

Tanto esta como a seguinte tapa son moi abundantes e incluso unha soa persoa pode cear só con iso. O erro desta tapa é que as migas se facían moi aceitosas e ademais viñan acompañadas cuns cachelos que non pegaban moitos, xa que son moitos hidratos de carbono xuntos. Orixinal o feito de que as migas fosen de pan de millo e tivesen un pouco de queixo por riba pero, como xa dixen, facíanse cansinas. E levou un 2.

-Manuela e a súa cea

Para empezar, o seu nome xa é orixinal. É un prato, como xa dixen, moi abundante composto por unhas patacas moi ricas e un ovo frito no seu punto. E viña con pan para mollar! Non me lembro moi ben, pero creo que lle puxen un 3.

0 Comentarios:

Post a Comment

<< Home