09 March 2007

Homenaxe a Carlos Casares

O MAGO Á MARXE por CARLOS CASARES
La Voz de Galicia, venres, 24 de xuño de 1983

"Teño un amigo mago, que anda polas festas divertindo á xente coa arte endemoniada das súas mans prodixiosas. E o primeiro que coñezo personalmente e co que teño falado das cousas que fai e das que ainda quere facer no futuro. No fondo é un poeta. E como tódolos poetas ten a dobre condición do soñador e do finxidor. Soña que mete un dólar polo bico pequeno dunha botella, que lle dá de beber a máis de trescentas persoas co contido dunha xarra, que salva a cabeza dun home despois de lla pasar por baixo da coitela terrible dunha guillotina... Pero sabe moi ben que todo é finxido. Como a door do poeta. Supoño que lle quedará o consolo de saber tamén que esa é a condición de toda arte, e que el é artista.O meu amigo mago fai verdadeiras maravillas: pesa á xenta cunha báscula debuxada, fai parir coelliños a unha coella pintada nunha carta, cámbialle a coor ás cachas das navallas, ordena o famoso cubo máxico somentes con tiralo ao aire, fai aparecer e desaparecer o zucre do café que está tomando a xente, acerta a orde sucesiva das cartas nunha baraxa precintada, dá para sí tólolos triunfos nunha partida de tute, mete cen coitelas de afeitar dentro da boca e sácaas despois todas enfiadas... E según me dixo un día. si tivese cartos dabondo sería capaz de facer desaparecer un avión diante dos narices de máis de mil persoas.¿Cómo verá a vida o meu amigo mago? Porque el anda todo o día maquinando na cabeza novos prodixios: cómo voar sin alas, cómo se meter no río dentro dunha caixa de madeira, coas mans e as pernas ben atadas; cómo facer fotografías cunha cámara dibuxada nun papel, cómo convertir a auga en viño, cómo facer dun home feo unha muller guapa... Ao mellor, pois resulta que a ve ao revés, reducida co de dentro para fóra. ¿E cómo será a vida vista por ese lado? ¿Poderase chegar a unha vida máis alegre, máis fermosa e máis verdadeira a través do finmento? Os poetas pensan que sí e o meu amigo, como dixen, no fondo é un poeta. Prometinme a min mesmo non lle preguntar nunca pola alquimia con que nos engaña a todos. Teño certa debilidade polos tramposos que se encargan de nos volver a todos á infancia".

0 Comentarios:

Post a Comment

<< Home