29 November 2005

Xornalismo "en profundidade"

Isto de ver o “Aquí hay tomate” é toda unha experiencia. Por exemplo, sae a Blanca Romero (famosa por casar co fillo dunha famosa xa morta que non sei moi ben a que se adicaba; bueno, si, a vivir moito do conto). Bueno, pois vai a pobre da Blanca Romero e páraa unha parella da Garda Civil para facerlle un control de alcolemia. Na miña opinión iso é algo que lle pode acontecer a calquera. ( Un día pasoulle a miña nai. Dixéronlle que soprara máis forte e tralo 0.0 deixárona ir). Pois algo parecido debeulle pasar á Blanca Romero. Pero segundo os do “Tomate” seguro que a tipiña esta fixera algo moi malo, cometera unha infracción, ía borracha ou algo así (vamos que iría perdidiña, como din algúns...). Vamos que sacaron unha noticia que anunciaron previamente quince veces antes de emitir a “gran reportaxe de investigación” dunha chorrada que para nada é un feito noticioso. O mesmo pasou outro día, que saían unha parella de “Gran Hermano” tomándose algo nunha terraza e como unha levantaba un pouco os brazos xa dicían os do “Tomate” que discutían e que había unha forte crise na parella.
Vamos, que eu de maior quero traballar no “Aquí hay tomate”. Así non me mato a contrastar a información, nin gasto tempo a chamar aos protagonistas da “noticia”, nin nada diso. E, por riba, na miña parroquia pensarán “ai, mira a filla de Moncho e Rosa como triunfou, que sae na televisión!”.

0 Comentarios:

Post a comment

<< Home